23 de ago. de 2016

A GUARDA

O GRUPO “DE VACAS” ACTUARÁ NA VILA COMO PARTE DO FESTIVAL MÚSICA NAS PRAZAS   

Será este venres día 26 de agosto, ás 22:00 horas, na Praza do Reló


Infogauda / A Guarda

 O verán guardés continúa cheo de ritmo e de moita e boa música. Este venres día 26 de agosto hai unha nova cita dentro da primeira edición do festival Música nas Prazas. Tras o éxito do primeiro dos concertos, o da cantante e compositora viguesa Carmen Johns o pasado día 29 de xullo, desta volta é a quenda do grupo galego De Vacas.  

 Chega á Guarda un dos grupos que están a revolucionar o panorama musical do noso país coas súas versións de cancións de sobra coñecidas polo público. Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero e Guillerme Fernández conforman as catro patas dun proxecto que nacera coa idea de adicarse a versionar cancións das Spice Girls. Pero o concepto foi evolucionando e fixéronse coñecidos a través de internet grazas a unha versión da canción Gangnam Style, de Psy. 

 Tras dous anos de vida están a acadar cada vez máis sona coas súas “versións feas”, tal e como eles as denominan. É dicir, danlle unha volta a cancións moi coñecidas e, en moitos casos, xa aborrecidas polo gran público, cun resultado sorprendente.  

 Trátase pois dunha gran oportunidade para desfrutar dun grupo que está a facer as delicias do público alá por onde pasan e que ofrecerá a súa actuación este venres día 26, ás 22 horas, na Praza do Reló da Guarda. En caso de choiva o concerto terá lugar no Centro Cultural. 


 O cartel do Música nas Prazas o completan outras tres actuacións, a cargo de grupos guardeses. O venres día 16 de setembro o grupo punk rock 'Unabombers' tocará na Praza de San Caetano. O xoves día 22 de setembro será a quenda de SONGODIN'S, que interpretará as súas versións de cancións coñecidas na Praza de Salcidos. E para rematar esta primeira edición de “Música nas Prazas” o grupo 'Nobles' actuará, co seu estilo persoal ó que eles mesmos denominan gas noble, o venres día 30 de setembro na Praza de San Amaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario