20 de ago. de 2016

CAMARIÑAS

A mostra “Enredadas” amosa hoxe e mañá en Camariñas os novos produtos artesanais elaborados polas redeiras 

Na exposición, que pode verse na Casa da Pedra, recóllense pezas elaboradas por redeiras de Corme e A Guarda no marco dun proxecto que busca poñer en valor o seu traballo apoiando a diversificación da súa actividade profesional

Bixutería ou complementos de moda elaborados coas técnicas de elaboración das redes son algúns dos produtos que se poden ver ata o domingo 

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron este mediodía en Camariñas a exposición Enredadas

Infogauda / Camariñas (A Coruña)


 A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron este mediodía en Camariñas a exposición Enredadas, que hoxe e mañá pode verse no centro cultural Casa da Pedra.

 Enredadas é un proxecto de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar co que se impulsa a diversificación e a posta en valor do traballo das redeiras galegas co deseño e produción de novos produtos artesáns.

 No marco desta iniciativa, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ten realizado diferentes cursos de formación centrados nos complementos de moda, a bixutería ou as técnicas de enfiado, apostando pola colaboración intersectorial que abre as portas ás artesás redeiras a un mercado que complementa e diversifica o seu labor tradicional.

 Así, na exposición Enredadas poden verse mostras de bixutería ou complementos de moda elaborados coas técnicas de elaboración das redes por profesionais da Guarda e de Corme. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario