22 de ago. de 2016

FORMACIÓN

A EGAP aposta polos contidos novidosos como linguaxe de signos na convocatoria de actividades do segundo semestre para o persoal da administración autonómica 

A Escola Galega de Administración Pública oferta 74 cursos e 2.250 prazas destinadas en exclusiva aos empregados públicos da Administración autonómica  

Por vez primeira inclúe na súa programación un curso de linguaxe de signos que será impartido polo persoal da Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia entre os meses de setembro e novembro  

Os empregados públicos tamén poden acceder a materias relativas á organización e simplificación do traballo, destrezas lingüísticas para a redacción de textos na web ou deseño de presentacións eficaces 

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Escola Galega de Administración Pública vén de convocar as actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2016, o que supuxo un total de 74 cursos e 2.250 prazas destinadas aos empregados públicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Deste xeito, o citado colectivo pode acceder a un programa específico deseñado para desenvolver a súas habilidades e capacitación coa finalidade última de mellorar o servizo á cidadanía.
 Así, dentro da convocatoria das actividades de formación continua previstas para este segundo semestre do ano cómpre resaltar a realización, por vez primeira, dun curso de linguaxe de signos. Esta materia de carácter transversal, de 40 horas e 25 prazas, ofértase a todos os empregados públicos da Administración autonómica e será impartido polo persoal da Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia entre os meses de setembro e novembro. Con esta acción formativa preténdese capacitar a todos os alumnos no uso e coñecemento da linguaxe de signos e dos aspectos socioculturais da comunidade xorda.
 Por outra banda, tamén é preciso sinalar que esta última convocatoria de accións formativas para o persoal da Administración autonómica conta con títulos novos relativos á organización e simplificación do traballo, ás destrezas lingüísticas para a redacción de textos na web, ás técnicas de reunións eficaces ou, canto ao réxime xurídico, aos aspectos destacados das novas leis de procedemento administrativo común e do sector público. Ademais, seguen desenvolvéndose cursos de formación específica en materias como a prevención de riscos laborais, a violencia de xénero, a transparencia e acceso á información pública ou a implantación da Administración electrónica na Xunta de Galicia, entre outros.
Unha mación adaptada ás necesidades reais
 O plan de formación da EGAP elaborouse tendo en conta as necesidades formativas dos diversos organismos e nel participaron as distintas consellerías da Xunta de Galicia. Igualmente, contouse coa colaboración dos coordinadores da formación de cada centro directivo, de docentes e expertos coñecedores do sector público e dos sindicatos. 
Así mesmo, na súa configuración, tívose en conta tanto a demanda real rexistrada nos cursos en anos anteriores como o tratamento e análise dos resultados das enquisas de satisfacción dos alumnos que participan nas actividades.

 Todas estas ferramentas son a chave para a creación dun programa formativo de calidade e de mellora continua adecuado aos requirimentos dos destinatarios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario