23 de ago. de 2016

MONDARIZ BALNEARIO

A deputada Digna Rosa Rivas Gómez visita Mondariz-Balneario ante o inicio do programa "Depotermal" en setembro 

Mondariz-Balneario acolle dous dos 12 espazos escollidos pola institución provincial para levar a cabo o programa, que beneficiará a máis de 4000 persoas da provincia Depotermal 


Infogauda / Mondariz Balneario

 A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rosa Rivas Gómez, visitou esta mañá o Balneario de Mondariz-Balneario acompañada polo seu alcalde, José Antonio Lorenzo Rodríguez, e por diferentes membros da súa directiva. Deste xeito, a Deputada provincial iniciou unha serie de visitas que levará a cabo esta semana ao longo de varios balnearios da provincia previamente ao inicio do programa "Depotermal", en setembro, de fomento do envellecemento activo e mellora da calidade de vida das persoas maiores. 

 O programa de termalismo social pretende, á vez, ser un plan dinamizador da economía provincial, impulsando a creación e mantemento dos postos de emprego no sector turístico durante os períodos de menor actividade (o programa levarase a cabo entre os meses de setembro e decembro). Cunha achega de máis de 100.000 €, "Depotermal" conta con dúas variedades: a de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas e, pola outra banda, a de pernocta en réxime de pensión completa.  

 A Deputada, Digna Rivas, fixo fincapé no "carácter social de Depotermal, porque ademais de apostar polo termalismo, tamén é moi importante fomentar o respiro familiar, que non entende de diferenzas entre persoas". A Deputada celebrou que, tal como salientaron dende a directiva durante a visita, os usuarios e usuarias do programa "Depotermal" van recibir "exactamente o mesmo servizo que os e as demais". O alcalde de Mondariz-Balneario amosou a súa satisfacción por que a oferta termal do concello forme parte de "Depotermal" e sinalou, pola súa parte, que Mondariz-Balneario "é o buque insignia do termalismo en España e a súa historia así o amosa", ademais de afirmar que o Balneario "fixo moito polo emprego da zona e queremos que sexa un referente non da nosa vila, senón de todos e todas as galegas".  

 Cómpre salientar que, por primeira vez este ano, reserváronse 434 prazas a persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión, que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos. "Depotermal" tivo unha enorme acollida, xa que das 4.343 prazas ofertadas recibíronse 4.286 solicitudes, polo que practicamente se chegou a completar o 100% da oferta (un 98,7%). Delas, 1.431 correspóndense á asistencia diurna (con 12 prazas reservadas) e, outras 2.855, á pernocta (con outras 10 prazas reservadas).   

 Os balnearios nos que se desenvolverá "Depotermal" son os de Termas en Cuntis, Eurostars Isla de la Toja (Talaso) no Grove, Palacio da Auga Balneario de Mondariz-Balneario, Hotel Talaso Atlántico en Oia, Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo), Notal Marina & Spa no Grove, Hotel Spa Norat Horre do Deza en Lalín e Spa Via argentum en Silleda, en modalidade diurna. Pola contra, os balnearios escollidos para a modalidade de pernocta son o Hotel Balneario de Mondariz-Balneario, o Gran Hotel Talaso en Sanxenxo, o Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo, o Hotel Termas en Cuntis, o Hotel Talaso Atlántico en Oia, o Talaso Hotel Louxo A Toxa no Grove, o Hotel Spa Norat Torre do Deza en Lalín e, por último, o Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario