22 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

Grande éxito de convocatoria das catro "Depo Andainas" organizadas pola Deputación de Pontevedra 

A ruta entre as Illas Cíes e Nigrán acadou o 100% das 300 prazas dispoñibles malia estar, xunto coas de Silleda e O Grove, aínda aberto o prazo de inscrición 


Infogauda / Pontevedra

 O programa da Deputación de Pontevedra "Depo Andainas", que ten por obxectivo poñer en valor o territorio da provincia, está a ter un grande éxito de convocatoria, ata o punto de que, malia estar os prazos de inscrición aínda abertos ata os meses de setembro e outubro para as tres das catro andainas que aínda non se celebraron, xa se completaron todas as prazas para a das Illas Cíes e Nigrán. 

 Esta ruta, a segunda do programa, celebrarase o vindeiro 11 de setembro e ocupará, por primeira vez, unha xornada completa, xa que se visitarán as Illas Cíes pola mañá e, xa pola tarde, será a quenda do sendeiro azul de Nigrán (Panxón-Praia América). A inscrición segue aberta ata o 8 de setembro, pero xa se chegou ao 100% das 300 prazas dispoñibles, habendo neste momento unha lista de espera de 68 persoas. Tamén se completaron as prazas de autocares.  

 A terceira quenda, a de Silleda (coa ruta Fervenza de Pazos-Mosteiro de Carboeiro), celebrarase o 25 de setembro e xa se interesaron 212 persoas, polo que quedan outras 88 prazas sen ocupar. Neste caso o prazo de inscrición segue aberto ata o 25 de setembro, pero as prazas de autocares si foron completadas.  

 A cuarta e última ruta é a dos Cons de San Vicente, no Grove, e terá lugar o 9 de outubro, estando aberto o prazo de inscrición ata o día 6 do mesmo mes. Ata o momento xa se ocuparon 167 das 300 prazas, polo que outras 133 seguen libres. No caso de Campo Lameiro, realizada o pasado 10 de xullo, a ocupación foi de 129 persoas.  

 Cómpre salientar que este ano, por primeira vez, se chegaron a completar as prazas dunha das rutas, dato que amosa o crecente interese suscitado polo programa "Depo Andainas" e os resultado da serie de melloras realizadas no anterior "Sendeiros Rías Baixas". O renovado "Depo Andainas" modificou a formulación do citado programa co obxectivo de convertelo nunha actividade gratuíta que impulse hábitos saudables, promova o territorio e impulse a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades encóntranse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas no programa e impulsar a participación dos concellos. Tamén son novidades do programa "Depo Andainas" as charlas e actividades medioambientais que se realizan durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empreguen o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas.  

 A inscrición nas andainas realízase mediante un formulario que se atopa na páxina web da institución provincial. Aqueles e aquelas que queiran inscribirse nas andainas dispoñibles (Illas Cíes-Nigrán, Silleda e O Grove), pódenofacer a través da ligazón á páxina web da Deputación de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario