17 de set. de 2016

CAMINHA

RECANTO DA ARTE


ALFONSO VICENTE REY, CREADOR DE "GRAVURAS" 

O debuxante, pintor e gravador de A Guarda expón ata o día 22 de setembro, na Galería de Arte Caminhense



“Gravuras” 

 O gravado ou gravura (en portugués) é unha disciplina artística que utiliza diferentes técnicas de impresión para lograr a reprodución múltiple dunha imaxe. Por tanto, “gravuras” é o título que escollín para a miña segunda exposición en Caminha, na que reúno unha serie de traballos realizados no último ano e que recolle algúns aspectos do meu proceso creativo actual, no que combino maioritariamente a xilografía e a polpa de papel como elemento constituínte das estampas, xogando coa reproductividade a través das matrices e a condición de obra única que aporta a polpa de papel. 

Alfonso Vicente Rey

 Así, a xeito de limiar, esprica o debuxante, pintor e gravador guardés, á síntese desta nova estadía expositiva na Galería de Arte Caminhense, na Praça Conselheiro Silva Torres, popularmente coñecida como O Terreiro, en pleno núcleo histórico de Caminha.

Gadus morhua II
Polpa de papel, esmalte sintético e láminas de ouro

 O artista guardés, volta a Caminha, a mesma sala onde xa expuxera no outono de 2015, con unha escolma da súa obra máis recente (Corvus et Cervus, Gadus morhua I e Gadus morhua II, Piscis, Lepus I e Lepus II,...), nas que este creador adoita combinar diferentes técnicas: xilografías e láminas de ouro; polpa de papel; esmalte sintético e láminas de ouro; polpa de papel e esmalte sintético,...

"Corvus et Cervus"
Xilografía, polpa de papel e láminas de ouro

 Nesta ocasión, Alfonso Vicente Rey (A Guarda, 1973), presenta unha colección de 24 gravuras nas que a temática ten relación directa coa zooloxía, pero con un tratamento moi persoal, que nalgúns casos nos evoca a era Cenozoica. 

 As obras que Alfonso Vicente (Fonso), presenta en Caminha, teñen unha impronta moi persoal, que as fai inconfundibles. E ainda que se trata de obra gráfica, podemos afirmar que cada unha delas é unha peza irrepetible, debido o singular proceso de execución de cada gravura.

 "Gravuras" pode visitarse ata o día 22 de setembro, de 10:00 a 13:00 h., e de 15:30 a 21:00 h.. (Os horarios indicados son de Portugal). O artista estará persoalmente, a cárrego da sala nos devanditos horarios.

ALFONSO VICENTE REY, PRESTIXIOSO ARTISTA GALEGO

 Alfonso Vicente Rey (Fonso)
Foto: Infogauda (arquivo)

 Alfonso Vicente Rey (Fonso) é un prestixioso artista plástico e ilustrador freelance. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, e Técnico Superior en Ilustración, pola Escola de Arte Antonio Faílde, de Ourense, complementou súa formación coa participación en Obradoiros de Gravado, impartidos por José Fuentes Esteve, así como en workshops de gravados e xilogravados, impartidos por Choichi Nishikawa e por Hiroshi Maruyama, respectivamente.

 No seu amplo currículo figuran importantes galardons, como o Primeiro premio no Concurso Nacional de Dibujo Galería Artis, de Salamanca, e o Primeiro premio no Concurso Iberart, na categoría Dibuxo-xeral, de Madrid, entre outros.

 Ten participado en importantes mostras colectivas, destacando entre elas aexposición "Talentos Europeos Actuales: España y Paises Bajos", que tivo lugar na Griffin Gallery, de Londres, así como no Moof Museum, de Bruxelas.

 Asemade conta no seu haber con varias mostras individuais, habendo exposto en A Guarda en 1998, 1999, 2000 e 2003.

 Isto é, obviamente, unha síntese da ascedente traxectoria de Alfonso Vicente Rey, un creador que leva aportado moito á Cultura do noso País, demostrando súa capacidade creativa, súa ansia por coñecer e sobor de todo súa capacidade de traballo.

Ricardo Rodríguez Vicente

Ningún comentario:

Publicar un comentario