26 de set. de 2016

PONTEVEDRA

Máis de 150 persoas maiores da provincia participan a próxima semana no programa "Depotermal" da Deputación 

Un total de 76 persoas farán uso da modalidade con aloxamento no Spa Torre do Deza e no Talaso Atlántico de Oia, mentres que 88 asistirán de día a Mondariz, Oia e A Toxa 


Infogauda / Pontevedra

 Máis de 150 persoas maiores da provincia participarán ao longo da semana que vén no programa "Depotermal" da Deputación de Pontevedra, que promove o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas de idade. Trátase dunha iniciativa, que se desenvolve entre setembro e decembro, da que se benefician máis de 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna ou con aloxamento completo.  

 Dende onte día 25 de setembro ata o venres 30, un total de 76 maiores gozarán dunha estancia completa no Talaso Atlántico de Oia e no Spa Torre do Deza en Lalín. Todos eles e elas proveñen dos concellos de Vigo, Nigrán, Poio, Pontevedra e A Lama. Ademais dos tratamentos termais nos establecementos correspondentes, realizarán visitas e saídas para coñecer o entorno natural e histórico de cada zona.   

 Durante esta semana, do luns 26 ao venres 30 de setembro, un total de 88 maiores da provincia aproveitaranse tamén da asistencia diaria, durante cinco días, para gozar dos tratamentos termais nos establecementos de Mondariz, Oia e A Toxa. Estas persoas maiores proveñen dos municipios de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Redondela e Vigo.   

 Durante este mes e no que queda de ano, máis de 4.000 maiores da provincia gozan do programa "Depotermal" a través das súas dúas modalidades. Un total de 2.855 fano con aloxamento nocturno e 1.431 fan só uso da asistencia diúrna aos establecementos termais. Cómpre salientar que, por primeira vez este ano, reserváronse 434 prazas para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión, que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos.   

 Na modalidade diúrna, os establecementos dispoñibles son Termas de Cuntis, Eurostars Isla da Toxa, Balneario de Mondariz, Talaso Atlántico de Oia, Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo), Notal Marina Spa no Grove, Spa Torre do Deza en Lalín e Spa Vía Argentum en Silleda. Na modalidade con aloxamento están o Balneario de Mondariz, Gran Hotel Talaso en Sanxenxo, Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo, Termas de Cuntis, Talaso Atlántico en Oia, Talaso Hotel Louxo A Toxa, Spa Torre do Deza en Lalín e o Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario