30/12/2016

CULTURA

O antropólogo vigués Rafael Quintía Pereira gaña o premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016 

Coa obra ‘Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia’ fíxose coa décimo sexta edición do galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia en colaboración con Gas Natural Fenosa  

O xurado destaca no seu ditame a prosa áxil e fluída na que está escrito e mais a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos e que documenta unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural galega 

Infogauda / Santiago de Compostela

 O antropólogo e escritor vigués Rafael Quintía Pereira fíxose coa XVI edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra ‘Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia’. O galardón está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia.

 Así o deu a coñecer este mediodía o xurado no seu ditame, no que destacou “a prosa áxil e fluída na que está escrito o texto” e mais “a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos”. Integrárono nesta ocasión Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Marilar Aleixandre, Uxío Labarta Fernández e Inma López Silva, quen elixiron a peza por maioría e quixeron tamén deixar constancia da calidade dos seis orixinais que concorreron a esta edición e da variedade de temas tratados neles.

Santa Mariña ou a apropiación do celtismo polo cristianismo

 O traballo premiado trata o tema da apropiación polo cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia, e está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas que converteron os espazos, as fontes, as árbores ou as lagoas sagradas en lugares de culto cristián. O ensaio insírese ademais nesta ocasión nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos e documenta unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galicia.

Antropólogo, economista, escritor e músico tradicional

 Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e mais en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Centra a súa actividade profesional na antropoloxía e é membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cofundou o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.
 Gañou no ano 2015 o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, polo traballo ‘Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega’; en 2010 o III Premio de investigación Luís Cuadrado (2010), polo traballo ‘A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo’ e é autor dunha decena de ensaios, entre os que cómpre destacar ‘Monte das Croas. Antropoloxía dun castro’ (2016), ‘Análise estrutural e simbólica do ito da Moura’ (2016), ‘La historia de Galicia en 50 lugares’ (2015), ‘Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos’ (2015), ‘Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’ (2014), ‘Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega’ (2013), ‘A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero’ (2011) ou ‘Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica’ (2010).

Unha homenaxe ao galeguista Ramón Piñeiro

 O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 á memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo. 
Ao longo das quince edicións anteriores, fixéronse con el Basilio Lourenço Fondevila, pola obra ‘A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder’; Anxo A. Rei Ballesteros, por ‘Tempo e vinganza’; Xosé Luís Barreiro Rivas, por ‘A terra quere pobo’; Teresa Moure, por ‘Outro idioma é posible’; Rebeca Baceiredo, por ‘O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo’; Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero, por ‘Psicopatoloxía do retorno’; María López Sández, por ‘Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio’; Xosé Ramón Quintana Garrido, por ‘Un longo e tortuoso camiño’; Manuel Pérez Rúa, por ‘Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950’, Ramón Máiz, por ‘A arte do imposible’; Teresa Moure, por ‘Queer-emos un mundo novo’; Xaime Subiela, por ‘Para que nos serve Galiza?’; José María Durán Medraño, por ‘Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx’; Luís García Soto, por ‘Barthes filósofo’; e mais Santiago Lamas e Alfonso Mato, por ‘De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo’.

Ningún comentario: