18 de xan. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A COORDINADORA DE PLATAFORMAS CONSIDERA IRRISORIA A PENA QUE SE LLE APLICA Á CÚPULA DE NCG TRAS SAQUEAR O AFORRO DO POBO GALEGO, E, ESIXE RESPONSABILIDADES POLÍTICAS 




Galiza, 17 xaneiro de 2017 

 As vítimas desta escandalosa operación son as arcas do Estado que perden máis de 8.000 millóns de euros, os miles de preferentistas que aínda non recuperaron os seus aforros e o pobo galego que perdeu o control da súa principal entidade bancaria, co saldo engadido de milleiros de postos de traballo menos e a perda da obra social das caixas, que de manterse suporía neste exercicio un 30% dos beneficios, e dicir máis de 300 millóns de euros, fronte aos 4 millóns que prometeu nalgún momento o novo dono.   

 A loita sen tregua contra as decisións do goberno e do propio banco contrarias a devolver todos os aforros que nos estafaran fómola ganando por etapas ata recuperar máis do 90% do capital estafado. Nesta loita, as Plataformas defendemos sempre os intereses de todos e todas as persoas estafadas, fosen ou non membros das plataformas, mentres, os gobernos do PP en Madrid e Galicia actuaron sempre negándonos os nosos dereitos, legalizando a estafa, impoñéndonos a quita, aprobando as famosas taxas xudiciais para dificultar o acceso a xustiza, regalando a entidade sen poñer como condición que devolvera todo o capital que estafara e por último, reprendendo con multas aos membros das plataformas que máis combateron contra esta escandalosa estafa, paralizando a comisión de investigación das caixas de aforro. Un claro exemplo do papel que desempeñaron os nosos gobernantes na xestión deste problema témolo na postura do Sr. Feijóo, que non se dignou a recibir as plataformas en todo o o seu  tempo  de loita e que, a través do Conselleiro Sr. Guerra e diante das eleccións galegas de 2012, ofreceu a vía do arbitraxe para resolver so o 5% dos casos que, segundo eles, eran a porcentaxe de aforradores que había pillados nesta  masiva estafa. A loita das persoas estafadas, organizadas en plataformas, conseguimos recuperar outro 90%, descubrindo esta mentira e demostrando que era unha estafa total e planificada para roubarlle os aforros a miles de familias galegas.


 As plataformas que seguen integradas na Coordinadora, si ben suspendemos temporalmente as mobilizacións porque todos os nosos membros recuperaron os seus cartos ou están en trámite de facelo, seguimos activas e vixilantes porque sabemos, e así o vimos denunciando, que quedan varios miles de persoas afectadas, para as plataformas persoas anónimas pero ABANCA si sabe quen son, que aínda non recuperaron os seus aforros. O  propio Escotet recoñeceu este feito: queda máis de 100 millóns de euros por devolver dos máis de 1.800 millóns estafados inicialmente. O resultado de ABANCA no primeiro ano, nas mans de Escotet, confirman que a entidade estaba dando beneficios, daquela xa millonarios, que o prezo acordado foi un vergonzoso regalo e que a urxencia na súa venda e os prazos establecidos para pagala polo novo dono ata 2018, demostran a conivencia do goberno do Estado e da Xunta para afastar a única entidade bancaria co seu centro de decisión en Galicia. Agora se entende por que o Sr. Feijóo non deu nin da a coñecer o documento con que xustificou a obriga de fusionar ou ter que vender as caixas galegas a unha entidade foránea, e mantén secuestrada a Comisión de Investigación aprobada polo Parlamento galego. 

 Diante desta situación a Coordinadora de Plataformas contra a estafa das preferentes e subordinadas esixe ao Sr. Escotet que cumpra a súa palabra, repetida en varias ocasións, na que se comprometeu públicamente a devolver os seus aforros a todas as persoas estafadas. Que se depuren responsabilidades políticas retomando  a  Comisión de investigación no Parlamento Galego, e que se revisen as penas impostas á cúpula de Novagaliciabanco, pois é vergoñento e lamentábel que as persoas que roubaron os aforros das galegas e galegos teñan unha condea de cadea irrisoria de dous anos.

CORDINADORA GALEGA DE AFECTAD@S POLA ESTAFA DAS   PREFERENTES E   SUBORDINADAS

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario