24 de xan. de 2017

SEGURIDADE VIAL

A Xunta de Galicia e Stop Accidentes colaborarán no fomento de hábitos de seguridade viaria entre os escolares de contornos rurais 

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo onte unha reunión coa presidenta desta entidade, Jean Picard 

O Goberno galego promove o proxecto ‘O corazón está do teu lado’ para formar aos alumnos en condutas seguras e a organización de loita contra os accidentes de tráfico traballa a prol da mobilidade escolar segura na Coruña

A conselleira e a presidenta de Stop Accidentes acordan poñer en común as experiencias para fomentar a seguridade viaria no entorno dos colexios do rural  

Ethel Vázquez eJean Picard, presidenta de Stop Accidentes, na xuntaza de onte

Infogauda / A Coruña

 A Xunta de Galicia e Stop Accidentes colaborarán no fomento de hábitos de seguridade viaria entre os escolares de contornos rurais de Galicia. Así o acordaron onte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a presidenta desta entidade, Jean Picard, na xuntanza que mantiveron co obxectivo de establecer canles de cooperación e de sumar esforzos fronte á sinistralidade viaria.
 No encontro, a conselleira de Infraestruturas informou de que o Plan galego de seguridade viaria 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia inclúe o desenvolvemento da primeira campaña educativa nesta materia que desenvolve a administración autonómica galega nos centros de ensino.
 Nese marco, o pasado curso púxose en marcha a iniciativa O corazón está do teu lado, que inclúe unha unidade didáctica e diversas actividades de apoio destinadas a formar aos nenos nas prácticas seguras, tales como o emprego de sendas peonís ou o emprego de material reflectante para circular nas beiras das estradas.
 Pola súa banda, Stop Accidentes explicou que está a desenvolver en colaboración coa asociacións de nais e pais de alumnos de diferentes centros de ensino da Coruña o proxecto Ancas para fomentar unha mobilidade escolar segura.
A conselleira de Infraestruturas e a presidenta de Stop Accidentes acordaron aproveitar estas dúas experiencias paralelas e complementarias para establecer fórmulas de colaboración encamiñadas a fomentar a seguridade viaria nos centros de ensino do rural.
Esta colaboración entronca cunha das liñas do Plan Galego de Seguridade Viaria, que prevé a realización de análise da situación do entorno de tráfico de diferentes centros educativos galegos co obxectivo de establecer recomendacións para mellorar a seguridade viaria neses ámbitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario