22 de abr. de 2017

CULTURA

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán homenaxea ao botánico pai Merino no centenario do seu pasamento 

A entidade dependente da Consellería do Medio Rural organizou un seminario sobre esta figura para recoñecer a súa contribución ao acervo floral galego  

A xornada terá lugar o vindeiro martes na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra cun relatorio a cargo do xefe do departamento de Ecosistemas Forestais de Lourizán 



Infogauda / Pontevedra

 A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra acollerá o vindeiro martes, día 25 de abril, o seminario “O pai Merino e a flora de Galicia”, organizado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O relator será Francisco Silva Pando, xefe do departamento de Ecosistemas Forestais deste centro dependente da Consellería do Medio Rural.

 Esta xornada celébrase con motivo do 100 aniversario do falecemento do pai xesuíta Baltasar Merino, brillante botánico burgalés afincado en Galicia, que faleceu en 1917. Súa é unha das maiores compilacións de plantas realizada nunca na nosa comunidade, o chamado herbario Merino, que reúne miles de variedades, cuns 12.000 pregos en total.
 En 1945 o herbario Merino é cedido ao Centro de Investigación de Lourizán, aínda que unha parte trasládase á Facultade de Bioloxía de Santiago. O labor do pai Merino foi de gran importancia para o coñecemento da flora galega. A súa achega contribúe a fornecer o herbario de Lourizán, que inclúe en total uns 80.000 pregos de plantas, outros 15.000 de fungos e 5.000 de insectos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario