22 de ago. de 2017

GOIÁN

FESTIVAL MINHO REGGAE SUNSPLASH 2017

1 e 2 de setembro, no Espazo Fortaleza



Mariní Schnee / Goián

 Con máis comodidades, máis espazo e rodeados de natureza, así é como regresa o festival Minho Reggae Splash que por oitavo ano será o encargado de pechar a tempada festivaleira a primeira fin de semana de setembro. Dous días cheos de obradoiros, conferencias, actividades deportivas e artísticas, espectáculos, feira de artesanía e, por suposto, moito reggae. Bandas internacionais e nacionais que converterán novamente ao Baixo Miño no referente do reggae nacional. 

 O festival Minho Reggae Splash celebra a súa oitava edición no concello de Tomiño, na parroquia de Goián, como vén facendo dende hai catro anos. Nesta edición repite cunha nova localización para o recinto de concertos que estará situado a poucos metros do Espazo Fortaleza ao carón do río, con praia fluvial, zona de descanso, aparcadoiro e todas as facilidades precisas para pasar unha fin de semana gozando da música e das actividades que nos propón a asociación viguesa, que leva traballando a prol deste estilo musical dende hai oito anos. 

 Poderase gozar dos concertos, de todas as actividades e da zona de acampada a partires de 15 euros. Este é prezo do abono reducido de dous días que dá dereito a participar en todas as actividades e acceso ao recinto de concertos. Aqueles que queiran ir só un dos dous días, poderán facelo por 20 euros. O billete tamén poderá adquirirse no propio recinto do festival por 30 euros os dous días. 

  Dende hai oito anos o Festival Minho Reggae Splash é unha cita ineludible para os amantes do reggae e dos ritmos xamaicanos. Pero tamén para todos aqueles que lles guste descubrir novas músicas, artistas de calidade e, sobre todo, pasar unha fin de semana inesquecible, polo bo ambiente, a cordialidade e a gran variedade da oferta lúdica e de lecer que ofrecen en todas as súas edicións. Esta non vai ser menos, e o festival cumprirá o seu oitavo ano de vida, como un dos festivais de referencia de toda España e do Norte de Portugal. 

 Actividades para todos os públicos e todas as idades. Unha das características principais do Minho Reggae Splash é a diversidade de público que atrae. Dende os cativos da casa até os máis maiores, aqueles que son uns apaixonados da música como os que queren pasar unha fin de semana diferente. Isto conséguese grazas á varieda- de e calidade das actividades que se programan, todas elas dirixidas por persoal especializado no ramo e con temá- ticas innovadoras que non contan cunha difusión maioritaria.

OS CONCERTOS MERGÚLLANSE NA NATUREZA

 Rodeado de árbores, ao carón do río, con Vila Nova de Cerveira á fronte, nun espazo máis accesible e cómodo, así é como se presenta este ano o novo recinto de concertos,que se traslada a poucos metros da que fora a súa localización habitual, o Espazo Fortaleza. 

 Coa finalidade de facilitarlle ao público o acceso ao festival e a participación nas actividades programadas ao longo da fin de semana, o recinto, este ano sitúase ao carón da zona de acampada e no seu interior celebrarase a feira de artesanía e disporase de postos de comida. Tamén se achegan as actividades da programación paralela ao público, e para iso habilitarase un set próximo á zona de descanso. 
      
CONCERTOS E PROGRAMACIÓN PARALELA

 A apertura de portas para acceder aos concertos será sempre a partires das oito da tarde. Ademáis, toda a fin de semana contará cunha programación de actividades diversas ao longo do día.    

GOIÁN, CAPITAL DO REGGAE

 A Asociación Minho Reggae continúa apostando pola calidade e a innovación á hora de escoller ás bandas que van participar na oitava edición do festival. Músicos chegados de Cabo Verde, Xamaica, Nova Caledonia, Francia e de toda a xeografía estatal que nos levarán até a esencia do reggae. 

 Clásicos do ámbito internacional como o xamaicano Rod Taylor pero tamén bandas emerxentes como os composteláns Cachas & Cousins. Do Roots máis clásico á fusión con ritmos diferentes, como é o caso de Ras Kuko. Sons que chegan coa novidade da música que se está a facer nas illas do Pacífico, da man de Marcus Gad & Tribe, sen deixar en esquecemento o poder da mensaxe e a forza da man de Mo'Kalamity. 

 Unha programación que pechará o venres e o sábado na área soundsystem cunha variedade de nomes a destacar, dende os vigueses Skank-Fu Hi-Fi ata os franceses Blackboard Jungle, contando coa participación tamén dos artistas George Palmer, Nytto Dread e Payoh Soulrebel. 
     

ARTISTAS 

 MO'KALAMITY  


 Nacida en Cabo Verde, criada en terras francesas, autodidacta e posteriormente apoiada polos seus músicos The Wizards, Mo'Kalamity consegue destacar rápidamente na paisaxe do reggae, que acostuma frecuentemente a ser trazada por figuras masculinas. Inspirada polas músicas caribeñas e afroamericanas, Mo' establece o reggae como ferramenta para transmitir as súas mensaxes. Coa súa voz melodiosa logra tecer reggae baseado nas roots, profundo e reivindicativo. Despois de coñecidos artistas como Rod Taylor ou Winston McAnuff, Mo'Kalamity e os seus Wizards abren o Reggae Sun Ska Festival, oportunidade que lles fai acadar maior renome e novos proxectos. En 2011, Mo' é nominada na súa terra natal aos Premios Cabo Verde nas categorías de mellor album reggae, mellor videoclip e revelación do ano. O seu primeiro álbum leva o nome de África, pero é co seu segundo traballo Deeper Revolution no que comeza a coller forza xa que transmite enerxía reivindicativa ante aspectos e desigualdades no xénero humano. Sería no ano 2013 co lanzamento do seu último álbum Freedom of the Soul cando a cantante e autora se declara sen dúbida algunha axitadora de conciencias. Algúns dos países europeos nos que actuou son o Reino Unido, Polonia, Italia, Francia, Portugal e mesmo España no Rototom Sunsplash. 

ARTISTAS 

ROD TAYLOR & BOB WASA   



Con máis de 700 concertos por toda Europa ás súas costas recibimos na oitava edición do festival Minho Reggae Sunsplash a Rod Taylor, lendaria voz xamaicana. Xa nos anos 70 foi quen de acadar grandes éxitos e dende entón non deixou de espallar o seu reggae cimentado nas “roots n' culture”. Gravou para grandes talentos como Mickey Dread ou máis recentemente para Jah Warrior ou Roy Cousins. Os seus temas máis representativos amosan claramente o seu estilo,“Brixtol trial and crosses”, “Behold him” ou “World of parables” son motivos para non perdelo en directo. Desta volta a Europa Taylor contará coa banda Positive Roots, que dende a cidade de Toulouse vainos presentar ao seu cantante Bob Wasa. Teremos no escenario unha lenda Rasta acompañada por unha das mellores bandas do reggae francés   

ARTISTAS

 MANGO WOOD  

A partires de membros de diversos grupos como Upsttemians, Hypocondriacs ou Free Mode nace unha nova representación do reggae coa banda madrileña Mango Wood. O seu estilo vai definido polo early reggae e o rockste- ady. A inspiración atópana na búsqueda da raiz dos sons xamaiquinos, de feito, a súa potente sección vocal lémbranos a finais dos anos 60 e a sección instrumental ofrece uns sons oldies moi característicos. Artistas con máis de dez anos de experiencia que se aventuraron a formar un novo grupo. Atoparon a maneira de autoproducirse e, tras varios temas que os representan como “Fall”, “First Time” ou “The Way”, seguen preparando o seu segundo single para Respect Records, colaboracións con outros grupos a nivel estatal e moitas máis cancións que axiña serán amosadas ao público que os segue.   

 ARTISTAS 

 DANDY FEVER  

 Dandy Fever é unha banda que comeza a andar na Coruña alá polo ano 2002 para facer música xamaica- na, principalmente a dos anos 60s e 70s: ska tradicional, reggae, rocksteady..., símplemente porque é o que lles gostaba escoitar e tocar, facéndoo cun estilo propio e variado, pero respetuoso co estilo, ademáis introducindo a língua galega en moitos dos seus temas. Ao longo da súa historia gravaron diversos temas en estudio, que chegaron a ser incluídos en recopilatorios interna- cionais. Tocaron en moitos concertos en salas e festivais, así como foron gañadores de concursos como o GZCrea e o de bandas do Foundation Reggae Festival. A banda foi mudando parte dos seus músicos e o son foi madurando co tempo, pero mantiveron a esencia e a ilusión por seguir facendo música. Parte dos membros comparten tamén expe- riencia musical con outras bandas galegas afíns tales como Bush Doctors, Transilvanians ou Pinnacle. A súa sólida sección rítmica apoia sen descanso ás vocalistas e aos ventos para facer un conxunto de cancións meló- dicas e fermosas, que se intercalan con temas máis rudos e cheos de ritmos quentes. Este ano voltan ao Minhoreggae cargados de temas propios e versións que farán disfrutar e bailar ao selecto público deste festival.   

ARTISTAS 

MARCUS GAD & TRIBE  


 Esta oitava edición non sería o mesmo sen os aires multicultuais de Nova Caledonia que nos achega Marcus Gad co seu roots reggae enchéndo as súas letras da cultura única da sua illa do océano pacífico. O seu propósito vai máis aló do entretemento, xa que transmite mensaxes cargadas de simbolismo, música aborixe que o representa conti- nuamente. O seu primeiro álbum oficial foi presentado este ano no mes de abril, “Chanting”, e será presentado coa súa banda Tribe no noso festival.   

ARTISTAS 

RAS KUKO   


 Máis de vinte anos de experiencia avalan a este artista madrileño fundador da banda de reggae española Cañaman. As súas numerossas escapadas a Xamaica marcárono como fonte de inspiración e aprendizaxe. Colabo- racións con artistas Xamaiquinos de primeira liña como Capleton, Junior Kelly, Bongo Herman ou mesmo a corista de Bob Marley, abríronlle as portas a nivel mundial, especialmente na escea europea. Sen dúbida un dos puntos fortes é o seu directo cheo de calidade, enerxía, comunicación. Letras repletas de actualidade e realidade, dende o roots máis clásico pasando polo dub, o hip-hop reggae ou mesmo o dancehall, sen deixar a ninguén quedar indife- rente. Recentemente o artista transladouse a Canarias e é aqui onde nace outro gran proxecto con músicos canarios dando lugar a One Xe Band. Actualmente están preparando a súa xira por España, resto de Europa, Latinoamérica e nas illas, actuando en recoñecidos festivais de reggae.   

ARTISTAS 

BLACKBOARD JUNGLE  

Danse a coñecer a través dun programa de radio alá polo ano 1994 co fin de promover a cultura xamaiquina e o seu amor polo reggae. Dende aquela, Blackboard Jungle non parou de perseguir diversos proxectos ata acadar o renome que merecen. A oitava edición do festival aposta pola escea do noroeste de Francia coa incrible forza de Olivier, Nico e Guillaume. Serán eles os encargados da área soundsystem o sábado 2 de setembro coa súa difusión de reggae roots e a súa natureza militante dos anos 70. Non deixarán de amosar a súa voz e as súas creacións instru- mentais para deixar pegada polo seu paso no noso evento.   

ARTISTAS 

DOWNTOWN BEAT & FRIENDS BACKED BY ROOTSKANK SQUAD  



 Downtown Beat é o proxecto persoal de David Arribas, músico multiinstrumentista pertencente á escea reggae estatal dende fai máis de 15 anos. Trátase dun proxecto colaborativo, co fin de unir a diferentes músicos e cantantes para facer música xuntos, música real, autoxestionada e cargada de mensaxe. O seu último traballo é “It Feeds My Soul”, unha selección de de temas con colaboracións de luxo. O EP componse de tres riddims, cada un cun convidado protagonista na versión voval e outro na instrumental. Contando coa colaboración de Rootskank Squad, presentan o seu novo traballo no noso festival en Goián    

ARTISTAS 

CACHAS & COUSINS  


 Coas influencias de referentes como Skatalites, Desmond Dekker ou Delegators veñen á oitava edicón do festival a banda Cachas & Cousins, creada en Santiago de Compostela co fin de trnasmitir a paixón polo rocksteady e outros ritmos xamaiquinos.

 Moita música pero tamén espectáculos de rúa con actividades de circo, obradoiros relacionados coa música, a natureza e o deporte, charlas e encontros cos artistas. O Festival Minho Reggae Splash non só ofrece concertos senón tamén cultura e diversidade e así se demostra na programación.  

 Entreter, divertir pero tamén difundir novas culturas, novas tendencias, concienciar e ampliar os nosos horizontes. Para que o público se mergulle na cultura reggae e en todas as correntes que o rodean haberá obradoiros nos que músicos profesionais darán a coñecer os ritmos tradicionais xamaicanos e africanos dos que naceu este estilo. 

 Non faltarán tampouco os espectáculos de circo, que xa son un clásico do festival. Malabares, pantomima, acrobacias, trucos e bromas nas que tamén o público pasará a ser parte do espectáculo. Actuacións cheas de sorpresas e orixinalidade, que encherán o recinto do VIII Festival Minho Reggae Splash durante toda a tarde do sábado. Tanto grandes como pequenos poderán gozar dun espectáculo para todas as idades onde as gargalladas están aseguradas. Pero tamén poderemos converternos en clown e pallasos por un día grazas o taller de Artes Circenses onde estes artistas ensinarannos algúns trucos de maxia e malabares ademais de como fabrica- los. 

 A natureza e o deporte centrarán tamén parte das actividades paralelas que se celebren na praia fluvial de Goián durante a fin de semana do 1 e 2 de setembro. Sendeirismo, actividades acuáticas, voleibol, súmanse á oferta do festival e poderán realizarse nas proximidades do recinto. Ademais de coñecer a riqueza paisaxística e natural deste espazo,considerado como zona de Especial Conservación dos Valores Naturais, do río Miño. Para iso nada mellor que o roteiro que se vai realizar pola senda á beira do río, que une as praias fluviais de Goián e a de Eiras, no Rosal. Un antigo camiño de pescadores recuperado agora con madeira e area que permite percorrer o traxecto tanto a pé como en bicicleta.  

 Non podía ser doutro xeito tamén falaremos de cervexa artesá, logo de que este ano o Festival crease a súa propia cervexa, “Selectah”, que dende hai uns meses xa se pode degustar nalgúns establecementos do sur da provin- cia de Pontevedra e que non faltará na fin de semana do 1 e 2 de setembro en Goián. Un creación de Vacaloura e Trisk-Ale Cervezas, en colaboración coa Asociación Minho Reggae, organizadora do festival.    

FEIRA DE ARTESANÍA

 O festival Minho Reggae Splash tamén quere ser unha plataforma de difusión e promoción da artesanía. Así dende o venres e até o domingo artesáns locais pero tamén chegados de toda España amosarán os seus produtos, exclusivos e orixinais: roupa, cosmética, complementos, etc. Produtos moi variados que non só poderemos mercar senón que tamén coñeceremos,nalgúns casos, como se fan con exhibicións in situ de cestería e cerámica, entre outras. Un xeito de recuperar as tradicións e as técnicas ancestrais da nosa cultura.        

ZOA DE ACAMPADA

 Os asistentes ao VIII Minho Reggae Splash contarán con zona de acampada gratuíta a poucos metros do recinto de concertos. Deste xeito a organización do evento quere facilitar ao público a asistencia, ofrecendo un espazo onde poder pasar toda a fin de semana sen ter que desprazarse. Os que así o desexen disporán dun espazo de acam- pada de 4.000 metros cadrados preto do río. Un piñeiral onde todas as tendas poderán estar á sombra, ademais de dispor de baños e todos os servizos mínimos para poder gozar da fin de semana. 

 O espazo estará delimitado e será controlado durante os dous días por persoal da organización para garantir unha convivencia respectuosa e o coidado do espazo. Aqueles que veñan en caravana ou furgoneta tamén terán un lugar habilitado con sombra para poder descansar ademais dun aparcadoiro para os coches. O espazo de acampada abrirase ao público o venres e pechase o domingo. 

 No recinto haberá un posto de información sobre o festival e a acampada. A todos os campistas entregará- selle unhas normas básicas de obrigado cumprimento, que terán como premisa básica o respecto aos demais usua- rios e ao entorno, xa que un dos obxectivos do VIII Minho Reggae Splash é promover e fomentar unha cultura e estilo de vida respectuosos co medio ambiente e a natureza, así como a convivencia cordial cos demais.   

OS VALORES DO FESTIVAL

 Dende hai oito anos o Minho Reggae Splash vén difundindo entre os seus asistentes unha filosofía de respecto ao público do festival, á natureza e ó entorno. Evitar as prohibicións e fomentar a concienciación e un dos principios básicos do colectivo, que a través de carteis e folletos informativos, así como persoal da organización, trasladaranlle aos asistentes as recomendacións básicas para que o evento se poida desenvolver sen supor un prexuízo para o entorno. Para iso, todo o recinto, tanto na zona de acampada como no espazo de concertos haberá colectores de lixo. 

 Ademais, á entrada do festival cada un dos asistentes recibirá un cinseiro reutilizable para evitar que as cabichas rematen no chan ou no río e todos os pratos, vasos e material empregado, tanto polo festival como polos postos de alimentación será reutilizable e reciclable.  

 Tamén contaremos co colectivo “Ecosistemas” que, entre outros proxectos para facilitar a comodidade dos usuarios, desenvolverán na zona de acampada unha experiencia-xogo co obxectivo de concienciar ao público da importancia da natureza e da súa protección.    

WARM UP - SEMANA CULTURAL 


 Co fin de amenizar a chegada do festival o colectivo ten preparados uns dias de warm up cunha variedade de actividades repartidas dende o 28 ate o 31 de agosto. 

 Os encontros seran sempre na praza de Goian a partires das 21h. Entre as actividades que teran lugar, os asistentes poderanse atopar co documental "O Espirito das Trincadeiras", con filmes como "Babylon", co coloquio "Educación Ambiental" ou un obradoiro de observación astronómica. Por suposto durante as datas previas ao festival tampouco pode faltar un chisco de música, para elo contarase cos concertos de Catarina Canta ou Rasforreg- gae asi como tamen cunha sesion de Reggae Jammin. De seguro que a proposta desta semana cultural resultará de gran interese para todos os asistentes para chegar a fin de semana cargados de informacion sobre os valores promo- vidos nos nosos eventos          

COMO CHEGAR

 Pódese acceder en coche pola estrada PO-552 que comunica Tui e a Guarda. O recinto sitúase próximo ao quilómetro 71. Dende Portugal, o máis sinxelo e chegar pola Ponte da Amizade que une Vila Nova de Cerveira e Goián. Se decidides vir en coche, compartilo é a mellor opción. Porén dende a páxina web do festival pódese acceder á plataforma Amovens que vos permitirá buscar compañeiros de viaxe no caso de que teñades un oco libre no voso vehículo ou procurar unha praza para vós. Un sistema sinxelo e cómodo que permite non só aforrar na viaxe e coñecer xente senón coidar o medio ambiente. 

 Tamén se pode chegar en autobús ou tren tanto dende Vigo como dende Portugal. Nestas direccións atoparedes os horarios, paradas e prezo dos billetes.  




Ningún comentario:

Publicar un comentario