7 de nov. de 2017

A GUARDA

«Petiscos con arte»: unha suxerente ruta gastronómica

· Celebrarase as dúas últimas fins de semana de novembro 

· Participarán un total de 15 cafeterías e restaurantes guardeses e outros tantos artistas locais ou con vinculación ao noso concello



Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda organiza este mes unha nova ruta gastronómica na que se mesturará a arte coa gastronomía guardesa en pequeno formato. «Petiscos con arte» é o nome deste percorrido gastronómico, que se celebrará os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro, e no que cada establecemento ofrecerá un petisco a 1,50€. 

 Desde o executivo municipal salientan que a finalidade da ruta é promocionar a gastronomía e a arte na Guarda, polo que as persoas participantes poderán degustar petiscos mentres contemplan as obras de pintura, escultura e fotografía expostas nos establecementos, en horario de mañá (de 12:00 a 14:00 h.) e de tarde (18:00 a 21:00 h.).  

 Artistas e locais participantes 
  

 Participarán un total de 15 cafeterías e restaurantes guardeses e outros tantos artistas locais ou con vinculación ao noso concello. Estes son: a cafetería Alameda, con fotografías de Eva Peixoto; a cafetería Art Café, con fotografías de Carlos Pascual; a cafetería e tasca As Pozas, con exposición fotográfica de Iago Alonso; a vinoteca Avenida, cunha mostra pictórica de Elena Cividanes; a bocatería Brétema, con escultura de Carlos Carrera; o bar Cramoeiro, con pinturas de Silvia Represas; a cafetería Kanella’s, con fotografías de Eva García; a cervexaría La Casilla, cunha mostra pictórica de Lucía Baz; o restaurante La Pizzicata, con fotografías de José Carlos Castro; a bocatería Marbella, coas pinturas de Naa Martínez; a cafetería Novo Bar, con esculturas de Anxo Ferreira; o restaurante O Cangrexal, con pintura de Teresa Dorado; o bar Terra Verde, cunha exposición fotográfica de Anxo Vaquero; o restaurante Xantar, cunha mostra pictórica de Mercedes Doval; e o restaurante Xeito, con pinturas de Charo Trigo.



 Nesta ruta colabora a Adega Gran Novás, participante na XXVII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que cederá 5 lotes de viño albariño para sortear entre os participantes na ruta que degusten o petisco e cumprimenten o boleto do sorteo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario