12/01/2018

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA ANUNCIA AS NOVAS LIÑAS DE AXUDA PARA A CONTRATACIÓN DE RISGA E SOCORRISTAS ÁS QUE DESTINOU EN 2017 CASE 292.000 EUROS NO BAIXO MIÑO

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou as novas liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas á Administración local que foron publicadas esta semana no DOG

· A administración autonómica destinará 7 millóns de euros para a contratación de perceptores da Renda Galega de Inclusión Social (RISGA) e para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social  

· Os concellos desta comarca puideron destinar estas axudas á contratación de 36 desempregados

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe as novas liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas ás administracións locais. Neste senso, destacou que esta mesma semana saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.

 Estas ordes permitiron destinar o ano pasado case 292.000 euros aos concellos do Baixo Miño co fin de contratar a 36 persoas desempregadas. Na provincia foron un total de 618 as persoas que puideron ser contratadas, cunha axuda global entre as dúas ordes de 3,1 millóns de euros.


Concello


TOTAL

Socorristas
RISGA

Tui
4
10
14
A Guarda
4
5
9
Tomiño
1
10
11
Oia

2
2
TOTAL
9
27
36


J osé Manuel Cores Tourís destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará este ano, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

 Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. A convocatoria saíu publicada hoxe no DOG, polo que o prazo de solicitude abrirase o luns 15 de xaneiro e rematará o 12 de febreiro.

 A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.

 O Goberno galego, doutra banda, destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo.

 Esta orde de axudas publicouse no DOG o xoves 11 de xaneiro, polo que as solicitudes poderán realizarse ata o luns 12 de febreiro. “Con estas dúas convocatorias de axudas, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo”, engadiu o delegado territorial.

 O obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego.


 As dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, Galicia pechou 2017 con 21.713 afiliados máis que en 2016, a maior subida da última década. O paro baixou o pasado ano nun 10,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario