3 de feb. de 2018

O ROSAL

ROSALIARTE: CONCURSO DE POESÍA E ARTE 

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro. Con tal motivo no Concello do Rosal quere sumarse a esta data e facer unha homenaxe á escritora galega organizando este certame


Infogauda / O Rosal

 O vindeiro 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro. Con tal motivo no Concello do Rosal quere sumarse a esta data e facer unha homenaxe á escritora galega organizando ROSALIARTE, concurso que fará referencia á súa obra poética e por outra banda fomentando a arte entre a poboación, xa que a poesía virá acompañada dunha plantilla coa silueta de Rosalía que será decorada polas persoas participantes. 

 Tanto na web como no propio concello do Rosal estará a disposición das persoas interesadas a plantilla imprimible coa imaxe de Rosalía de Castro. 

 Este documento servirá como base para que as persoas elixan unha obra poética da autora, a escriban no espazo habilitado e o ilustren acompañando da imaxe da escritora.

Bases do concurso:  
 1. O poema elixido debe ser en galego e debe presentarse cunha letra manuscrita clara e lexible ou ben impresa, e pode ser completo ou un fragmento, non superando os 15 versos como máximo. A elección do texto terá o maior peso na elección da obra.  
 2. As persoas participantes terán liberdade para decorar a plantilla empregando a imaxe de Rosalía como soporte, poderán usar a técnica que desexen tanto manual como dixital (lápices, ceras, témperas, acuarela, collage ou transformación desta imaxe con medios informáticos). Non se valorará máis a utilización dunha ou outra técnica, senón a orixinalidade e calidade do debuxo.  
 3. A obra deberá ser entregada nun tamaño A4 en vertical respectando a plantilla facilitada.  
 4. Admitiranse ata un máximo de 3 obras a concurso por persoa  
 5. A autoría da obra será con pseudónimo escrito na parte posterior da plantilla e cun sobre pechado no que apareza o pseudónimo na parte de fóra, e dentro os datos persoais completos, idade e teléfono de contacto.  
 6. O prazo de admisión terminará o venres 16 de febreiro de 2018 ás 12.00 h.  
 7. Haberá un único premio para a persoa gañadora, que consistirá na viaxe e entrada para 4 persoas á casa de Rosalía de Castro, en Padrón.  
 8. O persoal técnico do Concello designará a composición do xurado do concurso. A decisión do xurado será inapelable. O premio poderá ser declarado deserto se as obras presentadas a concurso non cumpren as bases ou non teñen suficiente calidade.  
 9. A obra gañadora e as presentadas serán expostas nos taboleiros e paredes do Salón de Exposicións do Concello e posteriormente nos centros educativos. Aparecerán así mesmo publicadas na web e redes sociais do concello. A obra gañadora servirá como imaxe da cartelería empregada para homenaxear o día 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. 
 As obras entregadas pasarán a ser propiedade do Concello, que se reserva o dereito a publicar e/ou editar as mesmas facendo uso delas segundo o seu interese.  
 10. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases. A organización poderá introducir as modificacións que estime convenientes para o bo funcionamento do concurso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario