16 de abr. de 2018

GONDOMAR

O Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, e o Concello de Gondomar convocan o XI Premio de poesía Victoriano Taibo

Ponse en marcha a convocatoria do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo por medio da publicación das seguintes bases.  


 BASES  

 O IEM, Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración co Concello de Gondomar convoca o XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. O premio, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo, rexerase polas seguintes bases:  

1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións e estarán escritos en lingua galega, de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003.  

2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.  

3. De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: 

Apartado 30 
(36380) Gondomar Pontevedra  

4. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán ser recollidos no local do IEM en Gondomar, trnascorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.   

5. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2017.   

6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.  

7. A obra premiada será publicada polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1500 exemplares editados.  

8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.  

9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado. 

10. O feito de participar supón a aceptación destas bases. 

 O Premio de poesía Victoriano Taibo recoñeceu até o de agora a obras das seguintes escritoras e escritores: Carlos Negro con Cultivos Transxénicos, Mª Carmen Caramés con Cuarto Minguante, Elvira Riveiro e Silvia Penas con Biografía da Multitude, Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, Calros Solla con Holocausto Zacoe, Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías, Ramón Sandoval con Territorios Estraños, Lara Rozados con O caderno amarelo, Iñaki Varela con Do outro lado das portas, Xosé Iglesias con A relixión do mar e Rafa Vilar con Erosións. 

 O IEM e o Concello queren, a través deste premio, enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindíbel para as letras galegas.  Gondomar, 9 de abril de 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario